Thursday 25 de April de 2024

As Bandas de Arzúa e Vincios protagonizan o ciclo de concertos ‘Música no Camiño’


A iniciativa ofrecerá un total de 24 actuacións durante os meses de xuño, xullo e agosto na Praza das Praterías

A Banda de Música de Arzúa e a Agrupación Musical de Vincios (Gondomar) serán as protagonistas deste sábado e domingo, respectivamente, no ciclo de concertos “Musica no Camiño”, organizado por Turismo de Galicia en colaboración coa Federación Galega de Bandas de Música Populares.

No marco desta iniciativa, ofreceranse un total de 24 actuacións durante as fins de semana e festivos dos meses de xuño, xullo e agosto. O lugar de celebración será na Praza de Praterías de Santiago de Compostela, a partir das 20:30 horas, unha vez rematada a Misa do Peregrino. Os días que o tempo impida o seu desenvolvemento ao aire libre, a actividade terá lugar na Hospedaxe de San Martiño Pinario.

Os concertos terán unha duración aproximada de sesenta minutos e na súa maior parte interpretarán obras de autoría ou temática galega para contribuír a difundir a cultura galega e a promocionar as bandas de música populares de Galicia entre os peregrinos que acadan a etapa final do Camiño.

Deste xeito, os camiñantes tamén poden deleitarse con estes concertos sen ter que realizar ningunha reserva previa e sen ningún tipo de custo. Trátase así dun xesto para gratificar o esforzo e o sacrificio realizado durante a Ruta Xacobea.

Banda de Música de Arzúa
A banda de Música de Arzúa nace a mediados do século XIX, constituída por 20 músicos. A entidade resistiu o paso do tempo, aínda que con disolucións momentáneas por factores como a economía da posguerra. No ano 2012 produciuse unha renovación ao encomendar a directiva ao mestre Alberto García Medraño.

O novo mando reflota a agrupación, que incorpora unha banda infantil que funciona en paralelo dende o ano 2014. No ano 2016 realízase un importante cambio de imaxe na banda para darlle unha maior modernidade. A banda goza actualmente dunha boa etapa na que está incrementando o seu número de compoñentes e ten como proxecto a gravación dun segundo traballo discográfico.

O actual director, Jesús Alberto García Medraño, realizou estudos de música na especialidade de clarinete. Con tan só 14 anos gañou o primeiro premio na Tribuna de Mozos Intérpretes de Galicia. Comezou a traballar como profesor aos 16 anos en escolas de Vigo e Gondomar. A súa experiencia como director iniciouse aos 19 anos cando se fixo cargo da Banda Unión Musical de Coruxo (Vigo). A continuación, con 22 anos aprobou a oposición para o posto de director do Conservatorio Profesional e da Escola Municipal de Música de Arzúa.

Agrupación Musical de Vincios
A Agrupación Musical de Vincios (Gondomar) foi fundada en 1982. O seu primeiro concerto foi o día de San Pedro de 1983. A día de hoxe a banda está formada por 56 compoñentes. Dende novembro de 2014, o seu director é Francisco Valcárcel Piñeiro, que tamén dirixe a escola da Agrupación.

Natural de Salceda de Caselas, Francisco Valcárcel iniciou os estudos musicais na especialidade de bombardino e, despois, ampliaría a súa formación nos conservatorios de Vigo e Tui e en múltiples cursos de perfeccionamento e de dirección con prestixiosos profesionais recoñecidos a nivel mundial.

Foi profesor de tuba bombardino, de música e de linguaxe musical en diversas escolas de Galicia. Ademais, é membro e colaborador en diversas agrupacións coma a Banda Cultural de Salceda de Caselas, a Banda Sinfónica da Federación Galega de Bandas de Música Populares, a Turre’s Band ou as bandas municipais de Santander, Santiago e Bilbao, entre outras. O seu último proxecto como instrumentista é a recente publicación do disco Kiitos.